CAMBIAMOS DE "SITE"





A partir de agora, podes atopar información sobre GALICIA ACOLLE a través da nosa páxina web:



http://www.galiciaacolle.org/





Esperamos contar contigo nesta nova localización.



Moitas grazas, e desculpa as molestias.

28.1.09

Reforzo escolar para estudantes de familias de orixe estranxeira

GALICIA ACOLLE ven de desenvolver un programa de reforzo escolar dirixido aos e ás estudantes de familias de orixe estranxeira matriculados nos centros de ensino da cidade de Santiago, co fin de atender a forte demanda que está a xurdir, así coma de minimizar as dificultades que os alumnos e alumnas de familias de orixe extranxeira poidan ter na súa incorporación aos centros. Haberá apoio de todas as materias, e son de carácter totalmente gratuito.

Catro voluntarias de GALICIA ACOLLE son as encargadas de levar a cabo esta actividade, que se desenvolve nos seguintes horarios



  • mércores: 18:30-20:00

  • xoves: 19:30-21:00

20.11.08

Colaboración con Educasuevia, na formación do profesorado


O día 22 de novembro, sábado, GALICIA ACOLLE participará no curso de formación de profesorado organizado pola Asociación de Profesorado do Ensino Público non Universitario de Galicia "EDUCASUEVIA", titulado "Tratamento educativo e recursos didácticos para abordar a diversidade na aula derivada de diferenzas culturais e relixiosas", e que se impartirá no auditorio do Museo do Pobo Galego, de Santiago de Compostela. Nel, dúas mediadoras interculturais de GALICIA ACOLLE ofrecerán un marco teórico, así como recursos didácticos, para abordar a diversidade cultural na aula.

8.11.08

GALICIA ACOLLE participou nunha mesa redonda sobre "Cohesión social e igualdade de oportunidades"



O pasado 6 de novembro, GALICIA ACOLLE participou nunha mesa redonda que levaba como título "Cohesión social e igualdade de oportunidades", no marco das xornadas Integración das persoas inmigrantes e na que participaron, ademais, representantes do Concello de Mos, do sindicato Comisións Obreiras, e da Asociación de Empresarios de Mos.
Esta actividade, que xa anunciaramos con anterioridade no noso blog, foi organizada pola UNED de Ourense, coa que vimos colaborando en numerosas ocasións.

29.10.08

Galicia Acolle, nas Xornadas "Integración das persoas Inmigrantes"


Os días 6 e 7 de novembro, o Centro Asociado da UNED de Ourense ten previsto celebrar unhas xornadas que, baixo o título "Integración das persoas inmigrantes", tentará afondar no coñecemento dos problemas das persoas inmigrantes. Os encontros abriranse no Centro de Desenvolvemento Local de Mos, os días 6 e 7 de novembro. Carmen Verde Diego, titora de Traballo Social na Uned de Ourense será a encargada de abrir as xornadas cunha conferencia sobre 'A problemática social da inmigración'. A continuación, realizarase unha mesa redonda sobre 'Igualdade de oportunidades e cohesión social', na que participará GALICIA ACOLLE.


O venres 7 de novembro, Luis Gulín Iglesias, axente de emprego da UNED de Ourense coordinará unha mesa redonda sobre 'Integración social e xerarquía de valores'.

27.10.08

O Concello de Vigo organiza un curso de Mediación Intercultural

O Concello de Vigo, a través da Concellería de Benestar Social, está a desenvolver un curso de Mediación Intercultural no que está a participar, entre outras organizacións, GALICIA ACOLLE.


Impartido pola consultora madrileña Cidalia, consta dunha parte teórica e outra práctica. Respecto a primeira delas, comezou o pasado venres, 24 de outubro, e rematará o sábado 29 de novembro. Posteriormente iniciarase a fase práctica.

15.9.08

En marcha o Programa de Mediación de Pares

Entre outras moitas iniciativas no ámbito educativo, GALICIA ACOLLE está a desenvolver o Programa de Mediación de Pares, que ten como obxectivo fomentar o voluntariado mediador entre o alumnado de bacharelato dos centros educativos de Galicia.
Esta iniciativa, que comeza durante o presente curso 2008-2009 de xeito experimental en centros da área metropolitana de Santiago, está aberta a calquera de Galicia interesado na experiencia. Para participar, só é necesario poñerse en contacto con GALICIA ACOLLE, a través das canles especificadas ao inicio deste blog.
O Programa ven de ser reforzado pola Unidade de Atención ás Migracións (UAMI) do Concello de Santiago, e o Ministerio de Educación.

Galicia Acolle participa no proceso de creación do Consello Sectorial de Migracións do Concello de Vigo


O pasado martes, 9 de setembro, o Concello de Vigo presentou o futuro Consello Sectorial de Migracións nunha reunión na que estaban convocadas as organizacións de inmigrantes e as entidades sen ánimo de lucro que traballan con poboación de orixe estranxeira - entre as que se atopa GALICIA ACOLLE -, así coma outros actores sociais. Aínda que están pendentes a súa constitución formal, e a redación do seu regulamento, a concellaría espera que estea a funcionar antes de final de ano.

Con esta iniciativa, o concello busca a participación de tódolos sectores da sociedade viguesa para traballar pola integración. GALICIA ACOLLE aplaude o proxecto e reafirma a súa intención de participar naquelas propostas que cren rede e asuman con responsabilidade accións encamiñadas a construirmos un proxecto común de sociedade.

Galicia Acolle, no curso de formación de "Educadores con Inmigrantes" organizado pola UNED Ourense


Galicia Acolle ven de intervir no curso dirixido pola profesora Carmen Verde, da Universidade de Vigo, que baixo o título "Educadores con Inmigrantes", ten como obxectivo a capacitación de profesionais especializados no ámbito da educación con poboación de orixe estranxeira.

A asociación compartiu coas e os participantes as dificultades e experiencias positivas derivadas da súa experiencia, e introducindo a metodoloxía da mediación social intercultural, como base dunhas boas prácticas na intervención en contextos multiculturais.

10.3.08

Intervencións de Galicia Acolle en centros educativos

Galicia Acolle presta servizos de Mediación Social Intercultural en centros educativos, tanto públicos coma concertados e privados.



Neste sentido, presta asesoramento para a inclusión da perspectiva intercultural nos Plans de Convivencia que deben ser desenvolvidos polos centros.




Nun nivel máis xenérico, ofrece tamén sensibilización e formación para o profesorado e o alumnado, co fin de desenvolver competencias en comunicación intercultural.

2.3.08

Galicia Acolle participou cun seminario nos XXIII Encontros de Educación pola Paz



O 8 de marzo, sábado, Galicia Acolle colaborou nos XXIII Encontros de Educación pola Paz, organizados polo Seminario Galego de Educación pola Paz, coa impartición dun seminario no que tratou a Mediación Social Intercultural no ámbito educativo.

A actividade foi desenvolvida por persoal técnico de Galicia Acolle, con experiencia en Mediación Social Intercultural, e foi eminentemente práctica, a través de dinámicas como estudo de casos e role-playing.

INFORMACIÓN SOBRE O PROGRAMA DOS ENCONTROS, A TRAVÉS DESTE ENLACE: http://www.sgep.org/modules/contidos/prog.prov.galego.pdf